ELEFANTE
ELEGANTE



O Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento.  

As súas creacións buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. 
 
A compañia, de orixe galego-portuguesa, foi creada en 2007 por María Torres e Gonçalo Guerreiro e ten a súa sede na Coruña. Nace para dar forma artística ás súas inquedanzas sociais e existenciais.

O Elefante Elegante comezou como proxecto experimental no ano 2000 co nome de Teatro Escondido. Este proxecto viaxou durante sete anos entre Galicia, Bélxica e Portugal e del facían parte actrices e actores de diferentes paises europeos. A súa interpretación baseábase no xogo corporal co obxectivo de desenvolver unha linguaxe teatral universal. 

Estes anos de experimentación foron fundamentais para que poidera nacer o Elefante Elegante. Os seus espectáculos teñen sido acollidos en Galicia, Portugal, Bélxica, Suiza, Francia e Italia. 


Maria Torres

Actriz, co-directora


Naceu en 1975 en Palma de Mallorca e veu para Galiza con nove meses. Licenciouse en Ciencias Empresariais na Universidade da Coruña. 

En 1998 realizou un post-grado en Arte Dramática organizada pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como actriz en varias compañías galegas como o Teatro da Bufarda, Catrabucha Teatro, Espello Concavo, Trinke Trinke e Teatro do  Alacrán. 

En 1999 iniciou unha viaxe por Europa que durou sete anos e que a levou a coñecer importantes mestres: Estudou Commedia dell’Arte con Antonio Fava en Italia e Teatro Antropolóxico con Eugenio Barba en Sevilla e na Polonia. Cunha bolsa da Deputación da Coruña diplomouse na Ècole Lassaad, en Bruxelas, que segue a pedagoxía de Jacques Lecoq do estudo do movemento. 

No cinema traballou cos directores Rosana Vazquez, Pablo Llorca e  Batriz del Monte. María Torres é actriz e co-directora da Compañia do Elefante Elegante.

Gonçalo Guerreiro

Actor, co-director


Naceu en Lisboa en 1974. Concluiu o curso de formación de actores na Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa despois de pasar pola Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid como becario. Traballou como actor nas compañías portuguesas A Barraca e Teatro do Montemuro. 

Dirixiu espectáculos do Teatro Escondido, da Compagnie Imagerie e da Compagnie Blablablah na Bélxica. É diplomado pola École Lassaad, en Bruxelas, onde herdou a pedagoxía de Jacques Lecoq do Teatro de Movemento. 

Estudou Commedia dell’Arte con Antonio Fava en Italia e Antropoloxía Teatral con Eugenio Barba na Polonia, Dinamarca e Portugal. 

Ademais da súa actividade pedagóxica, Gonçalo Guerreiro é actor e co-director da Compañia do Elefante Elegante.