Twitter Facebook

O Rueiro das liortas


ANO : 2016 PÚBLICO : + 8

"O Rueiro das liortas" é unha comedia inspirada no teatro popular que afonda nas relacións de parella e nas dificuldades para manter vivo o amor frente ao tempo, á rutina e aos obstáculos da vida. O dinamismo dos elementos escenográficos permite representar diferentes espazos. Xuntamente co texto, a xestualidade e a música en directo, forman os ingredientes desta comedia iniciática. En escena están un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes, acompañados dun neno actor e dunha nena actriz que fan valer a súa propia verdade interpretativa. O espectáculo, que orbita arredor do empoderamento femenino, danos a visión dunha realidade onde falar dos outros e meterse na súa vida é máis cómodo e divertido do que ollar para un mesmo.

O "Rueiro das liortas" está libremente inspirado na "Zapateira prodixiosa" de F. G. Lorca

Nun fermoso recuncho dun reino distante vivían dous mozos. Ela era bela e impetuosa coma unha cerdeira en flor e el tiña o porte, a elegancia e o recendo do azar da laranxeira. Nun serán de primavera os seus destinos fóronse cruzar. Instante conxelado, paixón desbocada, corazón desbordante... que ás súas familias resultou non lles agradar. Coma Romeo e Xulieta, enfrontaron este infortunio e ás agachadas lograron casar.

O tempo pasou e a rutina fixo esvaecer un amor que de namorados fervía. Ela, que antes só amosaba os pétalos da rosa, desenfundou as súas afiadas espiñas. Nada lle agradaba, pero tampouco nada mudaba.

Leas coa sogra, leas coas veciñas, leas cos clientes ou cos paseantes, sempre acababa todo en rifa. Día tras día animadas discusións e sonoras refregas que transformaron o Rueiro do sosego no Rueiro das liortas._


O Rueiro das liortas

Ficha artística


Autoría, Dramaturxia e Dirección María Torres e Gonçalo Guerreiro


Interpretación María Torres, Gonçalo Guerreiro, Luana Torres Guerreiro e Xairo Torres Guerreiro

Vestiario e Espazo escénico María Torres e Gonçalo Guerreiro

Música Gonçalo Guerreiro e Xairo Torres Guerreiro

Deseño de Iluminación Dani Pais

Deseño gráfico Alba Farto

Distribución Agustín Bolaños