O funeral de Madame de Quelven contextualiza un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, sexo, diñeiro e sangue. Ao ritmo do blues o crime compensa, porque o diñeiro compra todo, incluso a propia morte. Nas “Crónicas do Paraíso” ninguén morre, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido, o poderoso, o socialmente envexado, ese, siga eternamente vivo.
A dramaturxia do espectáculo utiliza alguns dos personaxes do texto orixinal de Álvaro Cunqueiro “As crónicas do Sochantre” pero básase fundamentalmente no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos para evocar unha trama na que a imaxe colle grande protagonismo en relación ao texto. A posta en escena fundaméntase deste xeito no carácter visual e na narrativa das propias accións físicas. O texto, a manipulación dos obxectos, a música gravada e a música interpretada en directo crean un todo orgánico que se materializa na estrutura escenográfica e no seu proceso evolutivo arroupado pola iluminación.