+3
Premio María Casares mellor espectáculo infantil 2017
Que aconteceria se de súpeto deixáse de chover? Non durante un mes, un verán ou un ano, senón para sempre? Esta é a pregunta que coloca a DANZA DA CHOIVA, un espectáculo sen palabras onde conviven o teatro xestual, a danza, a manipulación de obxectos e os monicreques. A DANZA DA CHOIVA trata un tema serio a través dunha posta en escena poética e visual. Os seus efectos cómicos, plásticos e oníricos advirten e divirten o público familiar e infantil.
Chove. A auga da choiva é recollida en recipientes de metal esparcidos polo espazo. Escoitase un galo cantar. Chegan dous personaxes. Recollen verduras da horta e semean cereais. Espantan un bando de paxaros que tenta comer as sementes que acaban de botar á terra e chantan un espantallo na horta para protexer o cultivo. Ao regar, decátanse de que non lles queda auga. Agardan que chova, pero non chove… O tempo pasa e segue sen chover. O lugar está agora seco e deserto. Bailan unha danza da choiva coa esperanza de facer chover. Choverá?