+3 anos
DoNoDoNaDa é un espectáculo destinado ao público infantil e familiar. É unha parábola sen palabras onde os xestos e os movementos non precisan do texto para facerse entender. A música ten unha importancia fundamental porque acompaña constantemente as accións, enfatiza as intencións e modula as emocións.
Hai persoas que son donas de moito e outras que son donas de nada. Está claro que isto é pura obra do acaso, porque as donas de todo poderían ter nacido donas de pouco e ser donas de moito as que naceron donas de case nada.
A ver se nos entendemos. O mundo dá voltas, reviravoltas, chimpos e pinchacarneiros e ficamos todas patas arriba. Se tan rápido a vida pasa porque será que a xente pasa a vida a querer ter moito cando finalmente non é preciso case nada?
Donodonada revela con humor e ironía que os seres humanos perden demasiado tempo loitando para gañar e esquécense completamente que o que é realmente xenial… é xogar.