Granito

Coincidindo co centenario do nacemento de Laxeiro (1908-2008), esta creación é o resultado dun traballo experimental sobre a obra do pintor galego creada e presentada no Museo de Belas Artes da Coruña. O espectador é convidado a acompañar aos actores, bailaríns e músicos na súa interacción cos diferentes espazos do museo onde as diferentes atmósferas creadas fan revivir o universo laxeiriano.

Lonxe dunha reproducción directa das pinturas, GRANITO procura deixar no espectador unha impresión  sensorial  que o achegue ao universo de Laxeiro. Partindo das cores e das texturas do pintor, GRANITO colle os seus principais temas – o entroido, as romerías, os títeres, a vida labrega, o trasmundo, a loucura, o nacemento e a morte – e presenta diferentes escenas en movemento nas que a cultura popular galega dialoga coa contemporaneidade.

GRANITO reflexa a diversidade estilística de Laxeiro e busca aplicar no escenario a sua atitude coa pintura: “A pintura galega é pintura universal. E se non é así, non é pintura galega”.

Creación María Torres e Gonçalo Guerreiro Dirección Gonçalo Guerreiro Actores-bailaríns David Loira, Iván Marcos, María Torres, Mónica Varela, Inacio Vilariño Música Alex Fente, Dani Melendrez, Serxio Núñez Espazo escénico Gonçalo Guerreiro Vestiario e atrezo María Chenut Iluminación Afonso Castro / Germán Gundín