In
(…) O espectador poderá comprobar como a compañía dedica a maior atención en coidar o aspecto plástico até na menor miudeza (…) Ese recoñecemento na sensualidade desemboca nunha dramaturxia novidosa na que a capacidade de suxestión adquire un enorme protagonismo (…) Unha intelixente enxeñería diexética na que non faltan o enredo amoroso, o sexo tenue, o humor branco ou a nostalxia sentimental (…) Esa intelixibilidade ten como consecuencia a inmediata adhesión do público, que acolle con entusiasmo unha proposta fresca e inspirada. Un entretemento exuberante que suxire unha boa cantidade de interrogantes sobre a natureza humana unida a un meticuloso traballo de posta en escena semella ser a clave do éxito desta excelente compañía, que xa ocupa un lugar principal na renovación das artes escénicas galegas. Manuel Xestoso, REVISTA GALEGA DE TEATRO nº65, INVERNO 2010
(…) Unha liña de traballo fresca e marcadamente visual. (…) unha sucesión de escenas de interesantes achédegos escénicos e grande riqueza plástica. (…) delicioso traballo actoral dos seus cinco intérpretes. (…) un desexo de progresión firme dunha compañía ben formada que fai as cousas e as fai bien. (…) Vanesa Sotelo en http://www.ARTEZblai.com. 9 decembro 2010
Se houbese unha lista das obras que máis sorprenderon este ano na escena galega IN tería moitas, moitas posibilidades de figurar en primeiro lugar (…) un exercicio físico realizado con precisión (…) unha precisión narrativa (…) non hai nada máis tranquilizador para un espectador que todos os elementos dunha obra viaxen na mesma dirección. (…) Camilo Franco, LA VOZ DE GALICIA. 7 xaneiro 2011, páx.50 Carteleira e Críticas
IN é un espectáculo sensitivo que indaga a representación contemporanea da figura social. A súa poesía visual nace da fusión do teatro coa danza, o video e as artes plásticas.
In significa “dentro” en inglés e to be in quere decir “estar na moda”. IN xurde da ambivalencia entre o ser e o parecer. O de dentro como expresión da nosa identidade e o de fora como o aspecto que podemos manipular, disfrazar e cambiar. O confronto do interior coa aparencia. Somos o que parecemos? Somos ou só parecemos?
A estrutura dramatúrxica do espectáculo foi creada a partir de dous elementos fundamentais: por un lado a peza teatral de Bertold Brecht “A voda dos pequenos burgueses”, e por outro os contos populares “Brancaneves” e “O rei sapo” dos irmáns Grimm e “Os zapatos vermellos” e “A vendedora de mistos” de Hans Christian Andersen.
A acción desenvólvese ao redor da celebración dunha voda. A actitude afectada e hipócrita dos noivos e convidados esgótase rapidamente para dar lugar a comportamentos de envexa e ciumes cun pseudo ideal de beleza como pano de fondo.