TROPICAL mergulla no universo da viaxe e na súa vasta riqueza de matices e dimensións. Un navío habitado por viaxeiros con destinos cruzados. Turistas, migrantes, músicos e refuxiados protexidos por unha vixiante e dilixente tripulación. Do norte ao sur nun cruceiro sedutor e do sur ao norte fuxindo da fame e da destrución.
Desde a ironía e o absurdo, TROPICAL reflicte situacións que se están a producir non moi lonxe do noso recuncho de calma e tranquilidade.
En terra, paisaxes de guerras e muros. No mar, infinitas historias, desexos e soños.
Cunha linguaxe visual asentada na imaxe, no movemento, na música e na danza, TROPICAL é a procura da poética da viaxe desde unha Europa que naufraga no Mediterráneo.