UN HOTEL DE PRIMEIRA SOBRE O RÍO

Un espectáculo do Centro Dramático Galego

A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigamento son algúns dos temas arredor dos que xira Un hotel de primeira sobre o río, que desprega en tres actos a historia de Ruth, que vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa.

O espectáculo narra a presión exercida sobre a protagonista para que renuncie ás súas terras, á súa casa, á súa historia e ás súas raíces, evocando de xeito onírico e simbólico a dualidade entre a realidade e as fantasías da súa imaxinación.
Un hotel de primeira sobre o río é o resultado do diálogo do texto orixinal co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais. Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre xestos e imaxes, a peza convídanos a abordar diferentes xeitos de vivir no ámbito rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais.

Produción Centro Dramático Galego Texto Xohana Torres Dirección e dramaturxia Gonçalo Guerreiro e María Torres Elenco Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Nicolás Otero, Merche Pérez, Pablo Sánchez e Lidia Veiga Textos complementarios María Torres Escenografía Gonçalo Guerreiro Vestiario e produción de arte Carolina Díguele Composición musical Manuel Fonte Loureiro Iluminación Nacho Martín