Gonçalo Guerreiro
Gonçalo Guerreiro naceu en Lisboa pouco despois da Revolución de Abril. Aos 24 anos deixou Portugal e comezou unha longa viaxe por Europa que acabaría por traelo de volta ao Atlántico. Actualmente vive en Culleredo, na provincia da Coruña, en Galicia.
É director de escena, escenógrafo, actor e director artístico de Elefante Elegante onde creou, interpretou e dirixiu con María Torres preto de trinta espectáculos ata o presente.
Despois de cursar a carreira de Psicoloxía durante tres anos foi admitido no Conservatorio de Lisboa onde concluíu o curso de formación de actores na Escola Superior de Teatro e Cinema. Diplomouse en Teatro de Movemento na École Lassaad en Bruxelas. Pasou pola Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid como bolseiro do Ministerio da Educación portugués. Estudou Commedia dell’Arte con Antonio Fava en Italia e Antropoloxía Teatral con Eugenio Barba en Polonia, Dinamarca e Portugal.
Traballou como actor nas compañías portuguesas Teatro ABC, A Barraca, Teatro da Comuna, Teatro do Montemuro e Trigo Limpo Teatro Acert. En Galicia colaborou coas compañías Galitoon e Manicómicos.
Creou e dirixiu varios espectáculos para diferentes compañías como a Compagnie Imagerie (Bélxica), Compagnie Blahblahblah (Bélxica), SU.MA (Galicia), Varazim Teatro (Portugal), Compañía Exire (Galicia), Sarabela Teatro (Galicia), Teatro do Mira (Portugal), Centro Dramático Galego e ASTA, Baal17, d’Orfeu AC e Teatrão (Portugal, en coprodución).
En 2021 gañou o premio María Casares ao Mellor Director e Mellor Espectáculo con “A lingua das bolboretas” (Sarabela Teatro).
A súa práctica artística baséase nunha forte ligazón do corpo co espazo e o obxecto. Unha relación na que o diálogo figura-fondo asume unha herdanza directa das artes visuais. O elemento fundador é sempre un dispositivo escenográfico habitado por referencias espaciais específicas onde os corpos podan existir e elaborar unha rigorosa investigación de xestos, movementos e actitudes. Deste xeito, a narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construcción da trama teatral. Para Gonçalo Guerreiro, o corpo contén en si mesmo tódolos segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica pictórica da composición do espazo físico, cromático, musical e literario.