CORALINDA
+6 anos
CORALINDA é unha comedia xestual, interpretada ao estilo dos debuxos animados, destinada ao público familiar. O espectáculo aborda a temática da inmigración e do
medo ao que é diferente. CORALINDA propón unha ollada cómplice, reflexiva e sensible en relación ás experiencias que viven as persoas que viaxan lonxe da súa terra en busca de mellores condicións de vida e que, por cuestións de raza, xénero ou clase social, sofren comportamentos discriminatorios.
A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá.
Nun lugar cincento vive un señor todo vestido de cor cincenta que manipula unha serie de caixas… cincentas. Un día, chega unha muller. Leva un vestido colorido e unha actitude exuberante que non deixa a ninguén indiferente. En canto ve ao señor, diríxese a el. Pero este, desconfiado ante a expresividade dos xestos dela e o volume da súa música, constrúe un enorme muro que lle impide entrar. Ela tenta dicirlle que as súas intencións son pacíficas e amigables, pero o señor amósase reticente a comunicarse coa visitante.
Será que estas dúas persoas, aparentemente tan opostas, darán construído un lugar diferente, onde caiban moitas máis cores e máis persoas?
Creación María Torres e Gonçalo Guerreiro Dirección de escena e escenografía Gonçalo Guerreiro Interpretación Pablo Sánchez e María Torres ou Sofía Espiñeira Composición musical Manuel Fonte Loureiro Produción de arte Carolina Díguele Vestiario Diego Valeiras Iluminación Paulo Neto Perrucas Erea Pérez Deseño gráfico Carolina Díguele Fotografía Daniel Nunes e Vanessa Rábade Produción e comunicación Laura Duarte
Coprodución Concello de Culleredo, Acert Tondela e Elefante Elegante